Con que obxectivo constitúese Compostela Inserta?
En realidade, Compostela Inserta vén dunha historia máis antiga. Nós o que fixemos na Plataforma polo Emprego, que é a entidade que promove Compostela Inserta neste momento, alá polo ano 2006-2007 empezamos a valorar un tema en relación ás empresas de inserción. Empezamos realizando, co NIF da propia asociación, traballos con persoas que o tiñan difícil para acceder ao mercado laboral, aí demos o paso para a creación dunha empresa de inserción. Empezou a funcionar desde o ano 2008, primeiro co nome propio da Plataforma polo Emprego, logo aínda tivemos outro nome (durante uns anos chamámonos LIMPREGA). Posteriormente, xuntamos dous aspectos como son o da limpeza e o da recollida de aceite vexetal usado, que son as dúas actividades principais, foi aí cando cambiamos o nome a Compostela Inserta.
Entón, realmente a nosa historia é longa xa que, a nosa reflexión de que era necesario dar o paso para crear empresas para as persoas en situación de exclusión social atendía a dous motivos principais. Por unha banda, para que o mercado laboral non estivese tan lonxe e por outra, para facer de ponte e facilitar que posteriormente esas persoas puidesen acceder sen problemas a unha empresa normalizada, para isto era imprescindible que ensaiasen. Tamén era necesario un modelo para esa inserción que fose cunha empresa como as outras, aínda que con esas características especiais. Ou sexa, que realmente foi unha cousa que tivemos clara e que fomos bastante pioneiros en Galicia, só Cáritas de Ourense promovera naquel momento outras dúas empresas.
Fostes abrindo camiño aquí na comunidade. E, que servizos ofrecedes? Comentabas anteriormente que eran dous os principais.
Nós temos convenios con diferentes concellos de Compostela e arredores para a recollida de aceite vexetal usado, xa que, esa foi un pouco unha das cuestións que promovemos desde o principio. Isto vén dado por dous elementos fundamentais, por unha banda, tratábase dunha cuestión que era fácil, entre comiñas, para persoas que viñan de situacións de pobreza e exclusión social e, por outra banda, estaba dentro dun campo que entón xa empezaba a ser importante, o da reciclaxe de residuos, o que hoxe chamamos economía circular. Iso foi un pouco a base.
Outro aspecto para ter en conta é que unha parte da empresa xa nos dedicabamos á limpeza, polo que xa tiñamos un niño de traballo e por iso continuamos por esa liña. De feito, agora mesmo é unha liña que potenciamos: a limpeza de locais públicos, de concellos, de institucións, e tamén doutras ONG ou entidades sociais. Estas serían as dúas liñas, pero agora tamén abrimos outra de portes xa que, nós como empresa de inserción laboral temos por obxectivo conseguir o máximo traballo posible. Neste aspecto, axudámonos dos contactos coas administracións para que se nos reserve contratos e para que, dalgunha maneira, téñasenos en conta de forma especial para realizar este tipo de traballos. Esas serían as tres liñas de traballo fundamentais.
En que se caracterizan as empresas de inserción?
Eu creo que o máis significativo das empresas de inserción, desde o punto de vista de calquera outra iniciativa de economía social ou mesmo de economía en xeral, é que non teñen un obxectivo finalista. Nós contratamos a persoas en inserción que teñen que ser persoas certificadas pola administración pública, para non poder contratar a ninguén que nos puidese interesar nalgún momento, pois son persoas que están certificadas que proveñen normalmente das entidades de referencia. Neste caso son xente que traballa nos servizos de orientación, formación, etc. da plataforma polo emprego, así que digamos entre esas persoas seleccionamos e logo certifícannos os servizos sociais. É un proceso bastante laborioso e que esperamos que agora cunha reforma póidase facer máis rápido e máis eficazmente.
Estas persoas teñen un tempo limitado (en principio a lei estatal establece tres anos) para ter eses contratos en inserción xa que, a idea é que esas persoas non queden a empresa, senón que, posteriormente dean o paso a un centro ou unha empresa, digamos ordinaria. A empresa de inserción ten que ser unha pouca ponte, ademais que ten que deixar libre para outros, porque se só collemos os primeiros, bo, pois eses ben, porque traballan, pero nós necesitamos a empresa como ponte para que esas persoas cheguen a empresas ordinarias, creo que esa é a característica fundamental das empresas de inserción, que somos empresas ponte e que que traballamos con colectivos de persoas en situacións ou con especies dificultades de inserción.
Eu que levo moito tempo nisto e sempre digo que a empresa de inserción, digamos que, é o mellor dos sistemas de integración social que existe, non se se a nivel mundial, pero polo menos no estado español e na Unión Europea é o mellor de todos, porque durante un tempo que poden ser tres anos ou algo menos, en función de como sexa a situación desa persoa e da súa propia disposición, nese tempo ese traballador experimenta a realidade dun traballo real, o que lle obriga a entrar nun tipo de dinámicas ás que estamos afeitos todas os traballadores. Hai outro tipo de individuos en situación de exclusión social que non teñen estas dinámicas adquiridas habitualmente, como ter que comer a certas horas cun certo ritmo, ter que estar a unha hora determinada para traballar, saber que un traballo hai que acabalo, que non podemos deixalo, que, aínda que sexan as 3 e 20 a oficina non pode quedar a medio limpar, quero dicir, que este tipo de cousas que para a maioría igual serían como moi lóxicas de entender, hai que realizalas. Ademais, non é un curso no que nós lles dicimos estas cousas, é algo que se experimenta e que se vive, co cal é un paso moi grande, porque eles e elas teñen a experiencia real dun traballo.
Logo trátase dun traballo remunerado, ben remunerado, porque as empresas de inserción traballamos cos convenios do sector, co cal, aí non hai ningún tipo de remuneración diferente. A propia actividade de laboral ten unha parte entre uns 20% e un 30% da xornada laboral que é de formación complementaria, pois se cadra sacar un carné de conducir, facer un curso de carretilla ou preparar as probas de competencias clave ou a ESO por libre, o que queiras indicar, así como cousas relacionadas co propio traballo. Por tanto, ten esa parte formativa que, ademais, a experiencia que temos é que iso cambia un pouco a vida das persoas, por iso digo que é unha experiencia realmente moi interesante, creo que de momento mesmo pouco difundida para o que debería ser entre as entidades sociais. Nós falamos moitas veces nas entidades sociais de inserción e de procesos de inserción, damos mesmo datos de inserción, pero, insercións reais, quero dicir, que cambien a súa vida de verdade, que non sexa algo para tres meses e logo volvamos, que sexa un ciclo que se repita aí, ocorre poucas veces e nas empresas de inserción ocorre. Eu coñezo casos nos que se dá. Isto sería o principal que teñen as empresas de inserción.
Falabas do cambio que poden supoñer as empresas de inserción para esas persoas que están nese proceso. A seguinte pregunta vai nesa liña, Cal é o impacto das empresas de inserción laboral a nivel social para toda a sociedade?
Nós temos feito a nivel estatal, e creo que agora a nivel galego, un estudo de impacto, que así en termos numéricos o impacto bestial porque estamos a falar dunha persoa que percibe imaxínache un RISGA , o ingreso mínimo vital ou outro tipo de axudas, pois, pode ser unha persoa ou unha familia que en termos puramente económicos estea a custarlle, entre comiñas, o seu estado cada mes, imaxínache sobre 900 ou 1000 euros polo menos. Entón que esa persoa que ademais de aforrar ese diñeiro gaña máis de 1.000 euros, porque efectivamente xa co salario mínimo gañaría máis de mil e pico euros, convertemos a esa persoa nunha persoa que cotiza a seguridade social, que paga os seus impostos e que ademais ten unha capacidade de consumir superior a que tiña. Entón, se contas isto polo número de persoas o beneficio é enorme. Que pasa? Que o impacto é relativo, porque agora mesmo en Galicia creo que estamos ao redor de 13 empresas de inserción, non todas están activas, nestes momentos na Asociación, no que é AEIGA, creo que estamos ao redor de 10, e claro, nós movemos ao redor de cento e pico postos de traballo que, en termos digamos absolutos, son poucos. Realmente o reto que temos é que o impacto sexa maior, xerando máis empresas de inserción e logo que sexamos capaces de xerar certas economías de escala non quedarnos só en facer actividades pequenas que ao final implican a poucos traballadores, senón ser capaces de dar un paso a outro tipo de actividades, xa sexa a través de convenios coas administracións públicas, como a través da participación en concursos con outras empresas grandes que poden reservar unha parte dos contratos.
En definitiva, estamos a buscar vías para que o impacto sexa maior, porque aínda en Galicia é relativamente pequeno, bo, en xeral quizá todo o mundo da economía social nese sentido, pero, porque aquí aínda non existe. Hai moitas entidades sociais que non acaban de dar ese paso cara á creación das empresas de inserción, antes non che dixen que unha das características que teñen as empresas de inserción é que teñen que ser promovidas por entidades sociais e sen ánimo de lucro, que ademais teñen que estar rexistradas e os obxectivos de asociación concordan con esa actividade, é dicir, teñen ese fallos de que só pode ser promovida por entidades sociais, que para nós é importante porque, aínda que non queremos que se metan outras entidades privadas neste campo, isto tamén limita. Ata o de agora o capital social tiña que ser máis do 50%, tamén de identidades sociais, agora mesmo na reforma que se está levando a cabo, porque agora hai un cambio no decreto, a nivel galego e tamén a lei a nivel estatal, que esperemos que cambie o ano que vén. Mesmo se está falando dun 100% para asegurar ben que estas iniciativas sexan promovidas por entidades sociais, pero teñen que estar dispostas a promovelas tamén e aí é onde ás veces veñen os problemas.
De acordo, imos entón coa última pregunta. Falaches de AEIGA anteriormente, antes de Compostela Inserta participastes na súa fundación. Que supuxo para vosa entidade e para outras empresas de inserción a constitución de AEIGA?
Realmente foi fundamental. Nós empezamos AEIGA, creo que no 2006-2018, nese momento eramos tres ou catro empresas as que estabamos. Houbo un proceso de crecemento de AEIGA cun proceso cara a adiante e cara atrás. Eu fun presidente moitos anos de AEIGA e, digamos nese proceso, fomos conseguindo nos últimos anos que a asociación tivese máis presenza pública, máis presenza tamén a nivel administrativo. A administración autonómica colaborou neste proceso de promover a asociación, conseguimos, tamén, que a maior parte das empresas de inserción estean a Asociación. Considero que agora si que estamos nun momento (despois dunha etapa así de nacemento bastante longa e difícil) dun proceso de expansión e de participación. Tamén é importante que ese recoñecemento, digamos das empresas de inserción no ámbito da Economía Social, non sempre estivo tan claro, de feito, cando empezamos non formabamos parte da economía social, nin se nos consideraba así, agora parece que tamén este paraugas, da economía social de fondo, está a axudarnos ás entidades que representan os centros especiais de emprego, temos bastantes cousas en común. O feito de estar xuntos tamén, a creación do FOROESGAL o Foro pola Economía Social Galega tamén axudou moito a esta coordinación. Creo que, no conxunto de economía social, AEIGA estaría agora mesmo nunha etapa de lanzamento de promoción de empresas e que as empresas da AEIGA cada vez sexan maiores e teñan máis capacidade de contratación.