Os centros especiais de emprego teñen por finalidade a integración das persoas con discapacidade, asegurando o emprego remunerado á vez que prestan servizos de axuste persoal e social que requiran estas persoas.
Como mínimo, o 70 % do seu cadro de persoal estará constituído por persoas con discapacidade, sen que se computen para estes efectos o persoal dedicado á prestación dos servizos de axuste persoal e social.
Os centros poderán ser creados por administracións públicas ou por persoas físicas, xurídicas ou comunidades de bens, que teñan capacidade xurídica e de obrar para seren empresarios.
Os centros especiais de emprego poderán ser cualificados como centros sen ánimo de lucro sempre e cando a súa titularidade corresponda a algunha das entidades seguintes:
• Cooperativas de carácter non lucrativo.
• Sociedades de responsabilidade limitada nas que a maioría do capital social sexa propiedade de cooperativas sen ánimo de lucro ou outras entidades sen ánimo de lucro de carácter público ou privado.
• Asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, que contemplen expresamente nos seus estatutos sociais a irrepartibilidade do seu patrimonio, agás a favor de entidades do mesmo carácter.
Ademais, os titulares destes centros deberán ter como finalidade principal a integración laboral de persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e os seus beneficios deberán reinvestirse na súa totalidade no propio centro ou noutro centro sen ánimo de lucro.
Galicia aprobou o Decreto 200/2005, de 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, polo que se regula a organización, funcionamento e as autorizacións para a inscrición no rexistro.