Preto de 700.000 hectáreas de territorio galego -case o 25 % do total- corresponden ao monte veciñal de man común. Esta cifra pon en valor económico, social e ambiental este tipo de recurso. A Lei de montes veciñais autonómica prioriza ás comunidades de montes e a outras entidades de xestión conxunta, nas actuacións de fomento, mellora, impulso e promoción do monte e dos seus aproveitamentos, dando preferencia ao aproveitamento cooperativo dos montes.
A definición que máis se axusta di que as comunidades e mancomunidades de montes son recursos que pertencen a grupos veciñais e que veñen aproveitando consecutivamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, polos membros deses grupos, sendo a propiedade dos montes de natureza privada e colectiva.
Os montes veciñais configúranse como un dos principais motores de emprego a nivel local tanto con actuacións de natureza directa do monte, como a mellora da explotación forestal ou o aproveitamento da biomasa, como a través do aproveitamento gandeiro, ou a produción de cogomelos, castañas, noces, resinas ou plantas aromáticas e medicinais. Todo o anterior posibilita a fixación da poboación no medio rural, permite a introdución de novas actividades, que aínda que non sempre teñan rendibilidade económica comportan unha función social e medioambiental.
As características máis salientables dos montes veciñais son as seguintes:
• Son indivisibles, por canto as propiedades non son susceptibles de reparto entre a veciñanza.
• Son inalienables, non suxeitos á compravenda.
• Son inembargables.
• Están suxeitos a xestión democrática.