Santiago de Compostela será en 2022, dándolle substitución a Teruel, a capital da Economía Social. Así se aprobou no pasado mes de febreiro polo Consello Estatal para o Fomento da Economía Social a proposta das entidades do sector. Durante o acto de constitución onde se tomou a decisión, a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, comentaba ao respecto:
“A candidatura da cidade galega á capitalidade foi presentada de forma consensuada polo sector e, sen dúbida, a súa confluencia co Ano Xacobeo, vai ser unha enorme oportunidade para visibilizar a Economía Social española e o seu papel activo para dar solucións innovadoras e sostibles ao reto demográfico”.
Santiago de Compostela Capital Española da Economía Social (Santiago CEES) é un evento promovido polo Ministerio de Traballo e Economía Social no marco do Compoñente 23 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado polo fondos Next Generation, a través do Plan Integral de Impulso á Economía Social, integrado no PERTE da Economía Social e os coidados e organizado en colaboración co Foro pola Economía Social Galega, a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualade da Xunta de Galicia, o Centro de Estudos Cooperativos e de Economía Social da Universidade de Santiago de Compostela (CECOOP) e o Concello de Santiago de Compostela.
A designación de Compostela responde ao protagonismo da ES nas súas políticas locais, así como tamén ao impulso autonómico nesta materia.