Trátase de organizacións constituídas sen ánimo de lucro que teñen ligado o seu patrimonio de modo duradeiro á realización dun fin de interese xeral. Considéranse fins de interese xeral, entre outros, os de defensa dos dereitos humanos, das vítimas do terrorismo e actos violentos, asistencia social e inclusión social, cívicos, educativos, culturais, científicos, deportivos, sanitarios, laborais, de fortalecemento institucional, de cooperación para o desenvolvemento, de promoción do voluntariado, de promoción da acción social, de defensa do medio ambiente, e de fomento da Economía Social, de promoción e atención ás persoas en risco de exclusión por razóns físicas, sociais ou culturais, de promoción dos valores constitucionais e defensa dos principios democráticos, de fomento da tolerancia, de desenvolvemento da sociedade da información, ou de investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico.
As fundacións da economía social deben cumprir os principios da ES que recolle a lei 5/2011 de 29 de marzo, de Economía Social.
Para o cumprimento dos seus fins, a fundación pode desenvolver actividades económicas, pero os ingresos obtidos destinaranse nun 70% polo menos aos seus fins fundacionais; e en caso de disolución, ao ter líquido, destinarase a outras fundacións e entidades non lucrativas que persigan fins de interese xeral, atendendo á vontade do fundador.
A Constitución recoñece o dereito de fundación de todos os cidadáns para fins de interese xeral e o Estado regula as fundacións na Lei 50/2002, do 26 de decembro. A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu competencias exclusivas para regular o réxime das fundacións de interese galego. Estas competencias desenvolvéronse na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de Fundacións de Interese.